Fontes milagreiras

Fonte da Nosa Señora de Vilamaior

Fonte da Nosa Señora de Vilamaior

Cada ano atrae a multitude de devotos para a cura de todo tipo de enfermidades, pero especialmente da pel, como as verrugas.

A fonte está preto da igrexa, polo seu lado norte e na marxe dereita da pista que entra no lugar de Vilamaior. Está feita en pedra, nun claro estilo barroco, cunha fornela central, hoxe en día tapiada, e coroada por unha pequena cruz de pedra. Verte auga por dous canos nunha pía. Á auga desta fonte atribúenselle propiedades “milagreiras”.

A festa celébrase o 15 de agosto, e tamén o primeiro domingo de setembro (A Nosa Señora pequena) e o xoves da Ascensión. A Virxe da Ascensión é a titular da parroquia, que no século XVII era anexo de Bazar. Cada ano atrae a multitude de devotos para a cura de todo tipo de enfermidades, pero especialmente da pel, como as verrugas.

O ritual que se adopta seguir é mollar un pano na auga da fonte e aplicalo sobre a pel, na zona que se queira curar. Tamén se matiza a importancia de asistir á misa que se celebra con anterioridade.

Hai uns dous anos fixéronse obras no seu arredor, colocando un empedrado no chan e uns chanzos de acceso, así como unha imaxe pétrea dun anxo que antes estaba no cemiterio. Antes destas obras atopábase rodeada de campo e chegábase a ela por un pequeno terraplén.
Segundo os maiores do lugar, ata hai uns 40 anos había unha imaxe pétrea da Virxe na fornela que hai na parte frontal da fonte, que agora está tapiada. A imaxe caeu e rompeu, e nunca máis se repuxo.