O patrimonio de Santa Comba
Iglesia parroquial de San Vicente de Arantón
Igrexa construída entre os séculos XVIII e XIX e de estilo barroco.
Conta con planta de salón, dunha soa nave, con capela maior rectangular e sancristía apegada ó muro norte con acceso desde o interior do presbiterio. A nave articúlase en tres tramos, moi regulares, e cóbrese con bóveda de canón que descansa sobre arcos faixóns. No tramo máis próximo ao ingreso aparece un coro alto, ó que se accede mediante unha escaleira con forma de “L”. A nave central ilumínase con fiestras de dobre vertente e constitúe un único volume coa ábsida.
A fachada sepárase da gramática compositiva habitual ao dispoñer dunha balaustrada a modo de cerramento superior. No eixo de simetría da mesma colócase unha porta, enmarcada por un arco de medio punto, sobre a que aparece a fornela coa imaxe do santo titular. Dous vans iluminan o coro alto.
A torre responde ó modelo iniciado en Compostela na igrexa de San Fiz de Solovio polo arquitecto Simón Rodríguez. Ten planta cadrada e está dividida en tres corpos. O primeiro conta con grandes placas pétreas que enmarcan o reloxo, o segundo alberga as campás, e o terceiro, formado por un tambor con arcos de medio punto peraltados, soporta a cúpula semiesférica, decorada con galóns.