O patrimonio de Santa Comba
Igrexa parroquial de San Mamede de Bazar
Igrexa do século XVIII de estilo barroco. En 1945 leváronse a cabo importantes obras de reconstrución debido ao seu estado case ruinoso.
Esta igrexa ten unha soa nave e unha capela maior cadrada. O interior cóbrese con bóveda de medio canón, cun arco de medio punto que permite o acceso á ábsida. A sancristía está apegada ao muro norte. A fachada segue un esquema pentagonal cun eixo vertical no que o arquitecto coloca a gran porta de acceso, enmarcada por molduras con forma de orelleiras; a fornela, cuberta por unha bóveda de vieira, e un van con caída ó exterior de luz rectangular. A espadana que remata o conxunto está formada por dous arcos de medio punto sobre machóns. Un frontón curvo cunha fornela calada no centro e dous pequenos acroterios coroan a fachada principal.
Este conxunto posúe un grande interese antropolóxico, xa que o cemiterio convive en perfecta simbiose coa parroquia dos vivos. Como punto de intersección entre ambas construcións atópase o muro, onde os veciños se reúnen o día da festa patronal para celebrarse a si mesmos e reunirse, simbolicamente, cos seus antepasados.