O patrimonio de Santa Comba
Igrexa parroquial de San Xoan de Grixoa
Igrexa do século XVIII, de estilo barroco. Amosa unha soa nave dividida en tres tramos, cuberta con bóveda de canón. A súa capela maior posúe unha planta rectangular de grandes proporcións, cuberta con bóveda de canón de cantería granítica, que queda dividida en dous espazos polo muro do retablo, dunha soa fronte. De forma semellante a San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela, esta igrexa permite o acceso ao espazo situado detrás. No caso deste templo, ese lugar disponse para a sancristía, cuberta co mesmo sistema de abovedamento e reforzado por un arco faixón.
Un arco de medio punto separa a ábsida da única nave do templo. Aos pés atópase un coro, a dobre altura, ó que se accede por unha escaleira pegada ao muro norte. No exterior chaman a atención os tres volumes a diferentes alturas. Esta separación poténciase máis pola súa disposición decrecente desde a fachada, de traza xeométrica, que exterioriza unha boa cantería granítica, exhibindo unha esvelta espadana formada por dous ocos e rematada cun peite pétreo decorado con volutas.