O patrimonio de Santa Comba

Igrexa parroquial de Santa María de Montouto

Igrexa parroquial de Santa María de Montouto

Igrexa dos séculos XIX e XX (reconstruída entre 1949-1950), de estilo ecléctico.

Igrexa dos séculos XIX e XX (reconstruída entre 1949-1950), de estilo ecléctico. Este conxunto, formado pola igrexa, unha casa reitoral e un cemiterio de planta regular, constitúe o centro da vida parroquial.

A igrexa consta de planta de salón cunha soa nave engadida en tres tramos, e dunha capela maior de grandes dimensións cuberta con bóveda de canón sobre arcos faixóns que descansan sobre unha cornixa pétrea soportada por ménsulas. O campanario é de formigón, e foi engadido no século XX. Resulta peculiar a disposición da sancristía, que se organiza compositivamente de forma similar á capela maior ao estar apegada ao lado do Evanxeo. O conxunto presenta grande amplitude e unha grande economía de medios. A pesar disto, a regularidade dos elementos formais é constante.

A fachada principal, de muros de cantería, exhibe unha ornamentación comedida: tan só o van do acceso principal, moldurado, e unha pequena fornela con imaxe. No eixo vertical da mesma e como peche luce un campanario de formigón, engadido no século XX, que segue o esquema arquitectónico dos campanarios da zona: primeiro corpo rectangular, furado con vans, e segundo corpo en forma de octógono e cúpula como remate. Toda a cuberta da nave resólvese a dúas augas, sen prolongación na sancristía.