O patrimonio de Santa Comba
Presa de a Xesteira
Esta pequena presa foi construída no regueiro de Abuín e lugar de Rieiro, para asegurarlle a subministración de auga á tamén pequena central eléctrica que abastecía a mediados do século XX a Santa Comba. É coñecida como presa de Arufe ou da Xesteira, este último nome faille xustiza á zona na que se sitúa, na que son realmente abundantes as xestas.
No interior do edificio que albergaba as instalacións da central aínda se pode ver unha pequena parte da maquinaria coa que se convertía a forza da auga en luz eléctrica para aproveitamento da poboación do concello.
O couto pesqueiro comeza xustamente na presa, onde a auga é moi clara e facilmente poden verse as troitas, e vai ata a ponte situada á beira do matadoiro da Pereira, e desde a Ponte Nova da Pereira ata que se une co río Xallas.
Pódese camiñar por un extenso tramo á beira do río.
Nas proximidades desta presa podemos apreciar outro xeito de aproveitar o curso do río máis tradicional. Os coñecidos muíños de Guldriz sobresaen polo conxunto que representan. Nun pequeno altiño atopamos case pegados seis pequenos muíños maximizando o aproveitamento do río.