Mapa de Santa Comba

Capela de Rubín

Capela de Rubín

Capela relacionada cos cultos primitivos ao poder curativo da auga.

Capela relacionada cos cultos primitivos ao poder curativo da auga. A igrexa, dunha soa nave, está dividida en cinco tramos por arcos faixóns, lixeiramente apuntados, que sosteñen unha bóveda de canón cun sistema construtivo de muro continuo.

A capela maior é singular porque se cobre cunha bóveda de crucería, única na comarca, que foi construída no século XVI. Ao exterior sobresaen dous volumes: un é o da sancristía, e o outro constitúeo un pórtico aberto, destinado ás celebracións litúrxicas ao aire libre. A fachada, de boa cantería, contrasta cos muros de cachotería encalada. A construción luce unha espadana separada do eixo de simetría central. Outra característica singular do edificio é a conxunción dos diferentes espazos, que harmonizan cun contorno de gran valor paisaxístico.


Esta capela pode ser a capela de San Pedro de Cícere, fundada por Juan Prego de Montaos en 1593. Conforma un importante santuario xunto coa fonte santa de Rubín. Aínda que é coñecida polos veciños como a Capela de Rubín, a súa advocación é a de Nosa Señora de Saúde, da que existe unha imaxe no seu interior, así como tamén un San Miguel chamado popularmente como o demo de Rubín, e unha imaxe de Nosa Señora da Pascua.


O 8 de setembro celébrase a romaría popular na que os nenos doentes son “ofrecidos”. Nas inmediacións da edificación encóntrase a fonte, lugar dos ritos benéficos, na que os romeiros bañan os nenos enfermos e posteriormente abandonan as roupas usadas e molladas para que a auga “leve” a doenza.