Mapa de Santa Comba
Igrexa parroquial de Grixoa de Esternande
Templo do século XIX. A súa planta é de forma rectangular, dunha enorme simplicidade.
Os muros son de carga, de cachotería encalada. A cantería só se emprega nas esquinas, marcos de portas e fiestras. A cuberta é a dúas augas na nave, a catro na ábsida e a unha na sancristía. Os únicos vans atópanse na porta principal, na fiestra saeteira e no ingreso lateral. A sancristía está apegada á capela maior polo seu lado norte, algo habitual por motivos litúrxicos. Conta tamén con un acceso desde o exterior.
A fachada presenta unha espadana de pequenas dimensións, desprazada do eixo principal de simetría que sobresae polas reminiscencias da cantería popular, ao dispoñer dun grande arco de medio punto peraltado que descansa sobre dous machóns. A decoración é a base de bólas de granito sobre os piares e sobre a clave do arco. Un acroterio con cruz coroa o remate da fachada. A singularidade desta capela reside na súa fachada oeste, de pedra vista, encintada con cal, como se dunha arquitectura civil se tratara. Un muro baixo de pedra pecha todo o conxunto eclesiástico, formado polo adro, o cemiterio e a igrexa.