Mapa de Santa Comba

Igrexa parroquial de San Mamede de Bazar

Igrexa parroquial de San Mamede de Bazar

Igrexa do século XVIII de estilo barroco. Posúe un grande interese antropolóxico, xa que o cemiterio convive en perfecta simbiose coa parroquia dos vivos.

Igrexa do século XVIII de estilo barroco. En 1945 leváronse a cabo importantes obras de reconstrución debido ao seu estado case ruinoso.

Esta igrexa ten unha soa nave e unha capela maior cadrada. O interior cóbrese con bóveda de medio canón, cun arco de medio punto que permite o acceso á ábsida. A sancristía está apegada ao muro norte. A fachada segue un esquema pentagonal cun eixo vertical no que o arquitecto coloca a gran porta de acceso, enmarcada por molduras con forma de orelleiras; a fornela, cuberta por unha bóveda de vieira, e un van con caída ó exterior de luz rectangular. A espadana que remata o conxunto está formada por dous arcos de medio punto sobre machóns. Un frontón curvo cunha fornela calada no centro e dous pequenos acroterios coroan a fachada principal.

Este conxunto posúe un grande interese antropolóxico, xa que o cemiterio convive en perfecta simbiose coa parroquia dos vivos. Como punto de intersección entre ambas construcións atópase o muro, onde os veciños se reúnen o día da festa patronal para celebrarse a si mesmos e reunirse, simbolicamente, cos seus antepasados.