Mapa de Santa Comba
Igrexa parroquial de Santa María de Alón
Igrexa do século XVIII (1773-1782), de estilo barroco, construída polo arquitecto Manuel Varela.
Rodeada por un muro pétreo, descóbrese o adro coa igrexa de Santa María, e xunto a ela sitúase un cruceiro cunha mesa de altar, testemuña de vellas tradicións funerarias e culturais. A igrexa posúe planta de salón, cunha soa nave dividida en tres tramos e coa capela maior de igual anchura que a nave. A cuberta efectúase a tres augas na nave, e a unha na sancristía. O interior está cuberto con bóveda de crucería na cabeceira e con bóveda de canón na nave central. Un coro alto aparece aos pés da nave.
A fachada, a diferencia doutras do contorno, organízase a xeito dun gran retablo, cun pano central enmarcado por dúas pilastras, de escaso resalte, e rematado por un gran frontón curvo, sobre o que se dispuxo un campanario de planta cadrada formado por dous corpos, dos cales o primeiro está formado por catro arcos de medio punto lixeiramente apuntados e coroado por unha cúpula bulbosa.
O influxo de Simón Rodríguez non só se aprecia no campanario, senón que se advirte tamén na gramática ornamental das molduras en forma de “C” da porta e na fornela.