Mapa de Santa Comba
Iglesia parroquial de Santa María de Vilamaior
Igrexa do século XVIII, de estilo barroco. Foi construída por Gregorio González Lebozán no ano 1767 por medio de esmolas, substituíndo o anterior templo en ruínas. Foi ampliada en sete metros no ano 1950.
Este templo, de planta de salón, presenta unha soa nave rectangular cunha capela maior de dimensións máis reducidas, e coa sancristía apegada no muro norte. Nos anos cincuenta do século XX ampliouse a nave lonxitudinalmente, desmontando a fachada barroca e substituíndo a espadana por unha torre campanario, seguindo de modo ecléctico repertorios construtivos e decorativos do estilo barroco. O interior cóbrese cunha bóveda de canón, algo rebaixada, realizada en cemento. Da ampliación do templo resultou unha nave excepcionalmente alongada. Un arco de medio punto de cantería separa os espazos interiores configurados pola nave e o presbiterio. Dous arcos diferenciados conducen ao interior do templo; litúrxicamente, o principal empregábase para os homes, e o secundario para as mulleres.
A fachada barroca potencia un eixo vertical que contén unha porta alintelada con grosa moldura, fornela coa imaxe do santo titular, van e torre. Acroterios con bóla completan a ornamentación da fachada. Exteriormente faise patente unha graduación de volumes, como corresponde aos dous espazos en que se divide o templo: un litúrxico, destinado ao sacerdote, e un grande espazo para o pobo.