Mapa de Santa Comba
San Pedro de Xallas de Castriz
Templo do século XVIII, de estilo barroco. Este conxunto relixioso atópase formado polo templo, o cemiterio e o adro. A igrexa presenta planta de salón, formada por unha soa nave e unha capela maior cadrada. A sancristía construíuse apegada ó muro norte con acceso desde o interior. En 1854 cubriuse con bóveda de canón soportada por arcos faixóns, que descansan sobre unha cornixa corrida. Desta mesma época é a tribuna de madeira que se atopa aos pés da nave e á que se accede por unha escaleira en “L”. Completa o conxunto un baptisterio situado no muro sur.
A capela maior está presidida por un gran retablo de madeira, dourado e policromado, dividido en cinco panos. No pano central emerxe a imaxe do santo titular e o sagrario. A decoración interior complétase con dous retablos laterais acubillados por arcos de medio punto sobre pilastras. A igrexa téitase cunha cuberta a dúas augas, mentres que a sancristía presenta un tellado a tres.
A fachada, de extrema sinxeleza, basea a súa ornamentación nos baquetóns afundidos que enmarcan a porta principal. Sobre o eixo central da mesma un van de luz rectangular ilumina o coro alto. A espadana está asentada sobre un zócolo decorado con tres pequenas placas e cilindros.