Mapa de Santa Comba
Iglesia parroquial de San Xulián de Santa Sabiña
Templo do século XVIII, de estilo barroco. Conta con planta de salón e unha soa nave. Posúe unha capela maior rectangular cuberta con tellado a dúas augas sobre unha estrutura de madeira. No interior, a nave está cuberta con bóveda de canón de morteiro de cemento. No muro norte ábrese a sancristía, apegada á capela maior e con comunicación directa co presbiterio. Apegada ao muro sur aparece outra capela rectangular con tellado a dúas augas e construída con aparello de cantería.
A fachada posúe un campanario destacado en planta sobre o eixo vertical da fachada. De planta cadrada, forma un nártice sobre o acceso principal, acubillando a porta de ingreso. Sobre o arco rebaixado que forma este pórtico exhíbese unha fornela formada por un arco de medio punto cunha vieira, decorado con volutas rampantes. Sobre ela, un óculo de pequenas dimensións marca a transición cara o campanario. Este está formado por un primeiro corpo aberto nas súas catro frontes mediante arcos de medio punto que soportan un segundo corpo prismático, aberto tamén polos seus catro lados a modo de tambor sobre o que se dispón a cúpula. Dous acroterios con forma de anxos conectan esta arquitectura co quefacer dos canteiros locais.