Mapa de Santa Comba

Mina de Varilongo

Mina de Varilongo

Mina de volframio descuberta no 1941, a 8 km de Santa Comba. Tivo unha importancia vital para industria armamentística nazi

Nun momento onde a miseria desta zona de Galicia era máxima, a principios do século XX, en 1941, descóbrese un depósito de volframio de 8 km de longo e 1 de ancho en Varilongo, a 8 km de Santa Comba. Unha pedra deste mineral supoñía máis que todo o soldo dun labrador nun ano. A xente da comarca dedicouse en masa a extraer o mineral, chegando a traballar por momentos ata 4.000 persoas oficialmente.

O volframio, tamén chamado tungsteno, é un metal bastante raro que se atopa en forma de óxido e de sales en certos minerais. É moi denso e extremadamente duro, ademais de ter o punto de ebulición máis elevado (5.555 graos) polo que é utilizado en maquinarias de precisión, eléctrodos de soldaduras, filamentos de lámpadas incandescentes, nas estruturas eléctricas dos automóbiles, etc.

A historia da mina esta ligada a este material e ao seu prezo, que chegou ás 200 ptas./kg. (O salario dun operario da época roldaba as 19 pesetas). O prezo da tonelada de volframio pasou de 7.500 pesetas antes da guerra ata as 235.000 pesetas a finais.

A xente dedicouse masivamente á mina, na que, cunha extensión de 8 km de longo por 1 de ancho e filóns paralelos de Norte a Sur chegaron a traballar ata a 130 metros de profundidade, preto de 4.000 persoas procedentes de toda España, tanto oficialmente como de contrabando, acto coñecido como “A roubeta”. Santa Comba converteuse nun sitio distintivo en Galicia.

Pero tamén houbo unha parte negativa, xa que chegaron a producirse un numero indeterminado de mortes. Coller o volframio na mina implicaba unha serie de riscos.
Coa chegada da Segunda Guerra Mundial, a mina de Varilongo convértese nun enclave estratéxico, polas necesidades da industria armamentística nazi. E o volframio de Santa Comba estaba moito máis preto que os lugares como China, India ou Birmania, onde Alemaña abastecíase habitualmente ata 1939, cando o bloqueo naval británico obrigou aos nazis a buscar os xacementos en Europa.

Alemaña consegue a explotación da mina como parte do acordo de contraposición aos favores realizados a Franco durante a Guerra Civil.
A débeda contraída pola axuda alemá aos sublevados durante a Guerra Civil estimouse en 212 millóns de dólares do ano 1940.

Así o volframio español converteuse para os alemáns practicamente a súa única fonte de subministración, algo que os americanos e ingleses coñecían. Galicia énchese así de axentes alemáns dispostos a conseguir o material a calquera prezo e de axentes aliados, dispostos a evitalo.

O goberno franquista autoriza aos alemáns para organizar dúas empresas destinadas á explotación do volframio en Galicia. Unha vez finalizada a guerra baixouse a produción que se estabilizou posteriormente coas vendas aos americanos que a necesitaban para a guerra de Corea (1950-1953). Co fin da devandita guerra comeza a decadencia da minería do volframio.

Nos anos 80 a produción estábase incrementando ano tras ano nun 50%, sendo a produción da mina de Varilongo a maior de España e Europa, acadando a cifra de case 250.000 toneladas de concentrado de volframio no ano 1984 e preto de 20.000 toneladas de estaño, así como indeterminadas cantidades dun produto mixto de volframio e estaño.

No ano 1983 un grupo de mineiros decidiu encerrarse na mina con explosivos como medida de reivindicación, e para tal fin mantiveron retido a todo o equipo directivo. Finalmente conseguiron o seu obxectivo: melloras salariais.

A finais do 2015 a filial do grupo Starboard GTT Holding LTD, Galicia Tin and Tungsten, adquiriu os dereitos de explotación da mina de Incremento Grupo Investidor, que dera en quebra e, segundo recolle na súa páxina web, pretende levar a cabo unha explotación sostida de Varilongo.